Saltar navegación
Amar a mar, pedra viva. Secuencia de imaxes do Concello de Laxe
Concello

Concello :: Novas

VIAXE DA CORAL POLIFÓNICA MUNICIPAL "ATALAIA" Á ARXENTINA

Foto ds Coral no AconcaguaA Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe cruzou por primeira vez o charco e fíxoo participando nun dos festivais de maior prestixio no mundo da canción coral e por suposto de toda América: Cantapueblo 2008. Neste festival participaron corais de todo o mundo: Arxentina, EEUU, Venezuela, Brasil, Ecuador, Colombia, Uruguai, Holanda, Alemaña, e por suposto España, cuxa representación este ano foi mediante a Coral Polifónica Municipal "Atalaia" de Laxe.

O festival comezou o día 28 de outubro coa inauguración no Teatro Independencia de Mendoza (Arxentina), unha das cidades máis grandes deste país, e na que tivemos o gusto de inaugurar o festival con outras cinco corais de Latinoamérica.

Así mesmo tamén actuamos o 30 de outubro no Teatro Praza, onde compartimos escenario con corais de Arxentina, Uruguai e Brasil. O seguinte concerto foi o día 1 de novembro na localidade de San Martín onde nos recibiron con agarimo e con todas as honras na Casa de España. Tanto a Concelleira de Cultura Milagros Velo como a Directora da Coral Mª Teresa López asinaron no libro de honra da Casa de España en San Martín.

Tamén tivemos a sorte de cantar nun dos escenarios máis grandiosos que pode haber: O cerro do Aconcagua, a uns 3.000 metros de altitude coas dificultades respiratorias que iso levaba, pero valeu a pena xa que foi espectacular.

E como broche de ouro ao festival de Cantapueblo todas as corais participantes (ao redor de 93 corais de todos os países) cantamos co mellor grupo coral existente actualmente en toda América: Opus 4. Por certo, foi unha experiencia inigualable para todos participar con todos os grupos e poder cantar con Opus 4.

Ao día seguinte e despois do madrugón, partimos para Buenos Aires, unha gran cidade á que todos estabamos a desexar chegar xa que a maioría dos coralistas tiñan algún familiar que estaban a desexar ver. Para todos eles foi emocionante o poder cantar e compartir cos seus parentes esta semana de estancia (sóubonos a pouco).

En Buenos Aires fixemos dúas actuacións: a primeira foi o día 7 de novembro no Teatro Castelao do Centro Galego de Buenos Aires onde fomos recibidos pola súa presidenta así como por toda a xunta directiva e onde compartimos escenario coa agrupación folclórica "Fillos de Zas" de Buenos Aires. Este día estaba o teatro a rebordar cun foro de case 500 persoas. Foi unha actuación verdadeiramente para recordar xa que foi o encontro cos nosos familiares e onde non paramos de recibir mostras de agarimo e agradecemento.

A segunda actuación foi no centro ABC de Corcubión onde participamos da comida organizada polo seu 84 aniversario e finalizamos o devandito evento coa actuación da nosa coral. Foi unha actuación moi emocionante para nós xa que era case a nosa despedida e un até logo con parte das nosas familias nesas terras.

Esperamos volver pronto (cun pouco de sorte) porque todos nós gozamos da viaxe, das súas xentes e da emoción que é poder cantar nun país tan extraordinario como Arxentina.

CONCESIÓN DA Q DE CALIDADE TURÍSTICA Á PRAIA DE LAXE

A través da súa páxina web o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) confirmou a concesión do selo Q de calidade turística á praia da capital municipal.

Q de calidade turística

Foi unha longa viaxe, desde que a finais do ano pasado o goberno local decidira solicitar a Q de calidade turística para a praia de Laxe.

Todo este proceso involucrou a moitas persoas pois os criterios de esixencias deste distintivo é moito máis elevado. Dende a Oficina de Turismo do Concello de Laxe levouse acabo todos os trámites relacionados coa documentación (redacción de procedementos, plans e formatos) e tamén o asesoramento sobre a implantación desta norma de calidade nos departamentos máis fortemente vinculados coa xestión da praia.

O concello de Laxe é consciente da importancia económica que ten a praia de Laxe na economía de moitos veciños/as de Laxe. Así pois, coa concesión deste distintivo de calidade, esperamos que o noso areal contribúa aínda máis a potenciar Laxe coma destino turístico de calidade.

Dende o goberno local quérese agradecer o esforzo realizado polo persoal da Oficina de Turismo así como por tódolos traballadores implicados na limpeza e conservación da praia.

O pasado 7 de agosto tivo lugar unha exhaustiva auditoria da praia. A finais deste mesmo mes publicouse o informe da auditoria na que se emprazaba ao Concello de Laxe a subsanar varias desviacións da norma. O Concello de Laxe remitiu a través da páxina web do ICTE un paquete de medidas correctoras nas que se informaba da correción desas desviacións.

O pasado 2 de outubro tivo lugar na sede do ICTE en Madrid o comité de certificación sectorial de praias na que se revisou o noso expedente. O venres 10 de outubro confirmóusenos a concesión deste importante galardón de calidade.

A apartir de agora comeza a parte máis dura do traballo, pois a Q de calidade implica unha mellora continua na praia, que supón ir mellorando en calidade ano tras ano. O concello xa está traballando en varios obxectivos de actuación contemplados na nosa documentación sobre a Q de calidade: A mellora de accesos e rampas, dotación de máis aseos, ou a publicación dunha ordenanza de praias, entre outras medidas a realizar cara a vindeira tempada de baño.

Hemeroteca: 2004 · 2005 · 2006 · 2007 · 2008

Formato RSS 2.0
By Abertal
Concello de Laxe