OBRADOIRO DE MOISAICO

Dende o 05-06-2017 ata o 07-07-2017

XUSTIFICACIÓN

Entre os obxectivos do Concello de Laxe e da Asociación Ambiental Contramínate figura o fomento da educación ambiental, promovendo a concienciación veciñal para aprender así a querer o noso espazo vital e tratar de coidalo.

O proxecto que presentamos busca xustamente chamar a atención sobre o espazo que compartimos no concello de Laxe: a mar e a súa xente.

Propoñemos un obradoiro para crear unha obra froito do esforzo e da colaboración entre a veciñanza, contando coa solidariedade de organismos públicos e privados.

En canto traballo de cooperación, a actividade persigue un fin educativo-social, sendo un xeito de rehabilitar e coidar un espazo común: a antiga Escola de Párvulos situada no paseo marítimo.

Mostraremos que para levalo a cabo o fundamental eiquí resulta a cooperación e o compromiso das persoas e entidades que participan.

DESCRICIÓN

A obra consistirá na realización dun mural coa técnica do “trencadís” en azulexo cerámico sobre unha das paredes da antiga Escola de Párvulos situada no paseo marítimo.

As medidas aproximadas da parede que se traballará son 6,35 m de ancho por 5m de altura, unha superficie de 28,5 m2.

A imaxe será unha adaptación do bosquexo para mural de Luis Seoane interpretado por CariCa, que será tamén quen dirixa e coordine o traballo.

As sesións de traballo terán lugar durante a semana, a partir do luns 19 de xuño, no horario ou horarios convidos co grupo ou grupos que se formen (requeriránse un mínimo de 6 persoas para levar o proxecto adiante)

COMO PARTICIPAR?

Se che interesa o proxecto, podes inscribirte dende xa mesmo, poñéndote en contacto co Concello de Laxe por teléfono ou email dirixido a cultura@concellodelaxe.com.
O prazo inicial de inscrición para valorar a viabilidade de execución do proxecto, rematará o vindeiro venres 16 de xuño.

Consideracións:

* A idade mínima para poder participar no obradoiro establécese nos 18 anos, sen existir límite de idade superior.

* Despois desta inscrición, no momento en que dea comezo o obradoiro, todas as persoas participantes deberán asinar un documento que formalice a súa inscrición, asumindo e facéndose elas mesmas responsables de posibles danos ocasionados polo uso das ferramentas e materiais requeridos para a realización do obradoiro.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal