CONVOCATORIA DE 2 CERTAMES EN HOMENAXE AO AUTOR DAS LETRAS GALEGAS 2020: RICARDO CARBALLO CALERO

Dende o 15-05-2020 ata o 15-06-2020

CERTAME INFANTIL DE ILUSTRACIÓN

"As pitas baixo a choiva" é un relato breve que narra un feito anecdótico da infancia do autor, publicada na revista Lar en 1952.

Descobre o neno desde a fiestra da casa que as pitas estanse a mollar e el téntaas facer entrar ao galiñeiro; elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos.

Compartímosvos un pequeno fragmento da obra:

“Un refacho de vento, de súpeto, conmoveu o ar. E unha nube moura esvarou polo ceo. Laiáronse as árbores docemente, e axiñase velou o sol. A bóveda azul fíxose gris e fría. E a chuvia comezou a caer.

Era unha chuvia de verán, torrencial, esmagadora. A terra seca bebeu arelosamente as primeiras augas. Logo, enchente, rexeitou beber máis. Charcos e miúdos regueiros xurdiron entre a lama. Alampou un lóstrego. Como se un carro de patacas emborcase a súa carga, a rolar, polo teito do ceo, o trebón retumbou”.

BASES


  • Poderán participar no certame todos os nenos e nenas que así o desexen do noso concello dende os 3 aos 13 anos.
  • Cada participante elaborará un debuxo libre, ilustración, baseado na sinopse e fragmento da obra infantil "As pitas baixo a choiva" de Carvalho Calero que vos compartimos na web.
  • Para poder participar, haberá 2 maneiras de facernos chegar ao concello os vosos debuxos:
  1. Enviar o debuxo/ilustración escaneado ao enderezo correo electrónico facilitado.
  2. Facerlle unha foto de calidade e envialo ao teléfono que aparece no cartel do certame.
  • Xunto co debuxo, deberá remitirse: nome e apelidos da autora ou autor do debuxo, idade desta/e e lugar de residencia.
  • Unha vez remate o prazo de presentación de debuxos, 31 de maio de 2020, o Concello de Laxe subirá todas as ilustracións en conxunto á rede social municipal de Facebook.
  • A imaxe que máis "me gusta" reciba durante a primeira semana do mes de xuño será a ganadora. O prazo para emitir os votos en Facebook rematará o día 7 de xuño do 2020.

CERTAME XUVENIL E ADULTO DE RECITADO

BASES


  • Poderán participar no certame todas as persoas xóvenes e adultas do noso concello dende os 14 anos e sen límite de idade.
  • Cada participante elixirá un poema de entre a selección que vos compartimos no enlace .pdf que atoparedes ao voso dispór ao final desta páxina. Todos os poemas seleccionados pertencen á obra "Reticências" de Carvalho Calero.
  • Para poder participar, cada persoa deberá gravar un vídeo recitando o poema seleccionado e que unha vez realizado, igual que no certame infantil de ilustración, terá 2 maneiras para facérno-lo chegar ao concello: por correo electrónico a cultura@concellodelaxe.com ou por Whatsapp ao teléfono 657 331 198.      
  • Todos os videos deberá empezar cunha pequena presentación da persoa recitadora na que indique o seu nome e apelidos e lugar de residencia.
  • Unha vez remate o prazo de presentación de vídeos, o 31 de maio de 2020, o Concello de Laxe compartirá e difundirá todos eles a través da rede social municipal de Facebook.
  • O video que máis "me gusta" reciba durante a primeira semana do mes de xuño será o gañador. O prazo para emitir os votos en Facebook rematará o día 7 de xuño do 2020.

PREMIOS E DEREITOS

PREMIO. Consistirá na entrega dun diploma e “agasallo sorpresa” que será entregado á persoa gañadora en cada un dos certames de maneira individual e con todos os protocolos de seguridade que nos impón a situación provocada pola pandemia da COVID.

DEREITOS. Toda ilustración ou vídeo que se remita mediante os medios facilitados, como de costume, pasará a formar parte do arquivo cultural do Concello de Laxe, enriquecendo o noso patrimonio cultural municipal.

Este concello, resérvase o dereito de exposición, reprodución e publicación posterior tanto dos debuxos como dos videos de recitado sen que medie en ningún caso ánimo de lucro e sen que poidan ser obxecto de compravenda, co cobxectivo de divulgar a actividade realizada e o noso patrimonio cultural.

En ningún caso tampouco, serán esixibles dereitos de autoría por parte das persoas que presenten a estes certames un debuxo ou vídeo, así como tampouco polos pais, nais e/ou titores legais no caso das/os participantes menores de idade.

A participación nos certames supón a aceptación íntegral das bases anteriores.

RECURSOS DIXITAIS DE INTERESE PARA ACHEGARSE Á FIGURA DE CARBALLO CALERO


O poemario "Reticências" foi recuperado do enderezo web: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5482366, onde podedes consultar a "Publicaçom internacional da Associaçom Galega da Lingua, ISSN 1130-3557, Nº. 12, 1987, págs. 457-469" da editorial Agália.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal