08/06/2017 Acordo de recoñecemento, autorización e cualificación como colección visitable do Museo do Mar de Laxe por parte do Consello de Goberno da Xunta de Galicia [08/06/2017]

Fonte: Consello da Xunta de Galicia do 8/6/2017.  

No Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe 8 DE XUÑO DE 2017, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO aprobouse a entrada do Museo do Mar de Laxe na Rede Galega de Museos como colección visitable.

Na nota de prensa posterior que se mandou aos medios de comunicación indicouse:

“A XUNTA RECOÑECE COMO COLECCIÓN VISITABLE O MUSEO DO MAR DE LAXE

- O seu discurso museístico céntrase no patrimonio antropolóxico, histórico e visual da vila desde finais do século XIX ata os anos 70

- Alberga unhas 67.000 fotografías procedentes do Arquivo do fotógrafos Plácido Vidal e do seu fillo José María Vidal.

O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace á proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de recoñecer como colección visitable o Museo do Mar de Laxe (A Coruña), logo da solicitude tramitada polo Concello de Laxe, que ten a súa titularidade.

O seu contido xira arredor de dous eixos básicos, que son a historia da vila de Laxe e da comarca desde finais do século XIX ata os anos 70 do século pasado; cunha especial atención á divulgación da cultura marítima e á preservación da memoria socio cultural da zona. Polo tanto, este patrimonio antropolóxico, histórico e visual constitúe o soporte fundamental da colección que alberga.

Non obstante, a peza fundamental do Museo son o conxunto de fotografías procedentes do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José María Vidal (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro. Este arquivo está composto por 67.000 imaxes que reflicten a historia de Laxe e a súa contorna ao longo de máis dun século. Todas estas fotografías foron dixitalizadas e atópanse depositadas no Arquivo Municipal, aínda que están asignadas ás coleccións do Museo do Mar de Laxe, onde actualmente -na súa planta baixa- se reproduce unha escolma delas.

Unha vez recibida a solicitude por parte do Concello de Laxe, e analizada toda a documentación pertinente como é o inventario de fondos e o Plan de colección visitable (que abrangue o programa museolóxico e museográfico, persoal e financiamento), a Consellería de Cultura estimou que o Museo do Mar de Laxe reúne as condicións e requisitos necesarios para acadar a colección visitable, cun contido temático marítimo-pesqueiro e ámbito local.

Requisitos

A Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia establece, no seu artigo 112, que se considera “colección visitable” aquela que non reúna todas as características e condicións necesarias para o seu recoñecemento como museo, sempre que as súas persoas titulares faciliten, mediante un horario accesible e regular a visita pública e o acceso do persoal investigador. Así mesmo, os seus fondos gozarán das atencións básicas que garantan a súa custodia e conservación. A partir da entrada en vigor da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, ata o de agora, son 23 os museos, coleccións ou centros catalogados como “colección visitable” en Galicia (2 museos e 21 coleccións visitables).”

Desde o Concello manifestamos a nosa alegría porque todo este traballo a prol do noso museo frutificase,  coa nosa incorporación á rede galega de museos, un “club” exclusivo da oferta museística de Galicia, que nos abre novas fiestras para poder continuar avanzando na salvagarda do noso patrimonio cultural local como recurso “vivo” xerador de prosperidade, e de mantemento da nosa singularidade.

O Concello de Laxe, a través do seu museo, seguirá traballando pola salvagarda de todo este patrimonio cultural local e a súa posta en valor.

Así pois, obtida a nosa incorporación á Rede Galega de Museos, son moitas máis as forzas e os motivos para seguir avanzando polo camiño da protección da nosa identidade cultural.

Laxe, 8 de xuño de 2017.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal