Facebook
Ir á paxina de Turismo

Historia

Escudo da Casa do Arco

O Concello de Laxe, situado no noroeste de Galicia, forma parte xunto con outros municipios da famosa “Costa da Morte”.

Ata principios do S. XIX Laxe atopouse ligada, xunto coas terras de Camariñas e boa parte das de Zas e Muxía, á xurisdicción de Vimianzo, dentro da antiga provincia de Santiago de Compostela.

Desaparecida a orde militar e relixiosa templaria, o rei Enrique II cede estas terras a estirpe dos Mariño. O 15 de setembro de 1425 don Fadrique, duque de Arjona e conde de Trastámara, novo propietario das terras, dállas en dote a súa curmá dona Xoana de Castro para casar con don Rodrigo de Moscoso. Laxe pasa así a pertencer á dinastía dos Moscoso.

No S. XIX Galicia dividíase nas catro provincias que ten actualmente, quedando Laxe adscrita a nova provincia da Coruña. Posteriormente Laxe pasa a formar parte do partido xudicial de Carballo, en terras Bergantiñanas, o que supuxo a súa independencia da Casa Moscoso.

Laxe, na actualidade, está adscrita á comarca de Bergantiños localizándose no extremo occidental da mesma. É un dos municipios mais pequenos en extensión de toda a provincia da Coruña, xa que so abarca un total de 34,1Km2 repartidos entre a capital, Laxe, e as parroquias de Serantes, Soesto, Nande, Sarces e Traba.

A partir da súa formación como municipio, Laxe ten un escudo formado por unha torre, rodeada de sete estrelas e franqueada por unha coroa. A procedencia do mesmo suponse que partía dun escudo que posuía don Abente Chans (personaxe con certa relevancia na vila e do que procede a familia materna do xeólogo Isidro Parga Pondal).

No ano 2004 deséñase a actual imaxe corporativa, que representa sobre fondo azul os elementos mar e ceo sobre unha base de pedra de cor clara: a laxe – que recolle o concepto primixenio do nome do concello- contra a que rompen as ondas do mar. Nesa laxe apoiase o arco, elemento máis representativo da vila, e sobre ese conxunto, seis formas astrais que representan as seis parroquias que constitúen o termo municipal.


Turismo de Laxe © by Abertal