Facebook
Ir á paxina de Turismo

A RUTA TURÍSTICA DOS MIRADOIROS

Iniciativa turística do Concello de Laxe

Rota dos miradoiros

A Ruta dos Miradoiros é unha nova iniciativa turística do Concello de Laxe que ten como obxectivo principal potenciar un modelo turístico respectuoso coa natureza. Percorre e une os lugares máis emblemáticos do noso territorio municipal e a través dela, tanto turistas coma veciños, obterán unha visión global da contorna natural que nos rodea: paisaxes, praias, postas de sol, vales, humidais, flora, fauna, oficios ancestrais, tradicións,... Para poder realizala o visitante conta cun folleto explicativo e con seis paneis informativos situados en cada un dos miradoiros.

Esta ruta comeza no Miradoiro do Faro, onde contemplaremos unha ampla vista da costa que vai desde O Roncudo até o Cabo Boi en Camariñas. A continuación dirixímonos cara ao Miradoiro da Ínsua para observar unha ampla panorámica da Vila de Laxe e a Enseada de Baleeira. Abandonamos o núcleo urbano en dirección á parroquia de Serantes onde está situado o Miradoiro de Lourido. Desde este miradoiro observamos os restos que deixou a actividade da mina de Caolín, xunto cunha boa vista do Val de Serantes, coa vila e a praia de Laxe de lonxe.

O seguinte punto desta ruta atópase na praia e na braña de Soesto onde, se temos sorte, poderemos avistar diferentes mandas de golfiños saltando preto da costa. Abandonamos Soesto en dirección a Traba para, no Miradoiro do Campo dos Bois, contemplar todos os elementos naturais e núcleos rurais que configuran o Val de Traba (lagoa, praia, igrexa, dunas, figueiras de Mórdomo,...). Como remate da ruta dirixímonos cara ao Miradoiro do Monte da Lagoa que é, quizais, o miradoiro máis impresionante de todos polos que pasamos. Desde este miradoiro teremos unha gran panorámica de todas as terras que configuran o Concello de Laxe que pode servirnos como resumen de todo o que puidemos contemplar.


O Alcalde,
Antonio Carracedo Sacedón


Turismo de Laxe © by Abertal