Facebook
Ir á paxina de Turismo

A Lagoa

A Lagoa

O grande interese da lagoa de Traba e dos seus arredores foi recoñecido ó ser declarada, por resolución de 10.01.1990 da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, "espacio natural" co nome de ESPACIO NATURAL DA LAGOA E DUNAS DE TRABA.


A lagoa de Traba

Lagoa de Traba

A parroquia de Santiago de Traba esconde preto da aldea de Mórdomo un dos seus maiores tesouros, unha pequena e estreita lagoa rica en fauna e vexetación, accesible a través de diferentes estradas que parten da estrada principal que vai dende Laxe a Camariñas.

Nela podemos atopar unha grande parte das especies animais e vexetais características deste tipo de paraxes. A lagoa esta rodeada por un denso carrizal, no medio do cal podemos atopar “espadanas”, “xuncos” ou “sauces” –onde non se nota a salinidade da auga- e unha destacable comunidade de algas “chaira fragilis” que medran no fondo da lagoa. Tamén abunda a pranta de orixe americano “lilaeopsis attenuate” característica de zonas húmidas salinas, a “herba da rabia” e o “eleocaris”. Xa no areal e nas dunas hai que salientar a presenza doutras prantas coma a “herba namoradiza”, a "escrofularia perruna”, o “xunco das praias”, a “herba da praia” e moitas outras máis.

En canto a fauna, son moitas as especies que atopan na lagoa un claro refuxio para aniñar como é o caso de diferentes especies de gaivota ou de corvo mariño.

Sen embargo, o seu principal interese radica na gran cantidade de visitas que realizan á lagoa especies tan inusuais nestas latitudes como a “Garza Real”, “o Martín Pescador”, a “Anade Real”, a “Garceta Común”, a “Focha Común”, o “Aguilucho Lagunero” e moitas outras máis.

Tamén é moi importante a presenza de nutrias así como de distintos anfibios, peixes e réptiles que a habitan durante todo o ano.

Debido a gran cantidade de especies que nela habitan é considerada refuxio de caza, o que nos permite a observación das mesmas en calquera época do ano sen ningún tipo de problema.

Na actualidade está en marcha un proxecto conxunto entre o Concello de Laxe e o Ministerio de Medio Ambiente para o dragado da Lagoa e colocación de miradoiros para a observación das aves entre outras melloras.

Esta Lagoa está relacionada coa lenda da cidade de Valverde, cidade afundida polo Apostolo Santiago por desoír as insinanzas deste. Esta lenda é moi común en moitas outras lagoas de Galicia.


Formación

Duna en Traba

O seu proceso de formación é semellante ó das demais lagoas da zona: a partir dun entrante costeiro, ría ou baía, no que desembocan dous pequenos ríos que nacen nas alturas circundantes (o rego de Vao á esquerda e o río de Traba, que nace en Nande, á dereita). Logo, o continuo aporte de materiais fluviais, xunto cos aportados polas correntes mariñas de dirección oeste-leste, pecharon a primitiva baía cunha barra de area e unha praia en frecha. Sobre a barra desenvolveuse un cordón de dunas debido ós ventos do NO.


O Areal

Areal de Traba

Este areal de praia, barra areosa e dunas esténdese, entre a Punta Arnao e a Punta de Traba, ó longo de, aproximadamente, 2 km. Ó quedar pechada a saída ó mar dos dous ríos formouse unha lagoa costeira moito máis grande cá actual (de feito os vellos recórdana máis grande). Desde este momento comezaría outra fase intermedia na evolución da lagoa, na que os depósitos de areas e limos, fundamentalmente fluviais pero tamén eólicos da praia e das dunas, irían colmatando as beiras da lagoa, de maneira que a súa profundidade iría diminuíndo, e permitiría así a fixación dunha vexetación adaptada ás condicións de salinidade. Esta vexetación contribuíu a acelerar o proceso evolutivo, ao frear as correntes de auga e provocar unha maior deposición de sedimentos, de forma que co tempo moitos terreos van quedando descubertos. Esta é a fase actual da lagoa de Traba: unha pequena lagoa arrodeada cara o interior por unha marisma. No futuro o proceso de colmatación seguirá progresando e, co avance da vexetación chegarase, á colmatación total, zonas lamacentas convértense en prados e dan lugar a terras de cultivo que poden ser moi fértiles.

Hoxe a lagoa propiamente dita é estreita, uns 250 m de anchura media e uns 800 m de longo, ovoide e co seu eixo maior orientado cara o SO-NL. Os arredores son máis ou menos regulares con suaves cortes na marxe norte, con entrantes, xa pozas, xa canles na beira sur, onde desembocan pequenas canles que aportan as augas dos dous regatos procedentes do sur do val. O fondo da lagoa é de area na beira norte e lamacento na beira sur. A comunicación co mar realízase a través dunha estreita canle de, aproximadamente, 5 m de anchura e 400 m de lonxitude, que desemboca no extremo norte da praia, e que forma durante a baixamar uns pequenos conos de dexección, as paredes desta canle son verticais debido á erosión das fortes correntes de derrame.


Vexetación e Fauna

A vexetación é a típica destes biótopos: a lagoa está arrodeada na súa práctica totalidade por un denso carrizal (Phragmites australis), tamén hai espadanas (Typha latifolia) e unha xunqueira (Juncus maritimus) onde xa se deixa notar a salinidade da auga.

En canto a fauna dicir que no denso carrizal atopan refuxio para a súa nidificación diversas aves como a galiña de río (Gallinula chloropus), o rascón de auga (Rallus aquaticus) e a fulepa unicolor (Locustella luscinioides). Os Anátidos tamén están ben representados.

Sen embargo o interese deste espacio natural céntrase no gran número de citas de aves invernantes estrañas nestas latitudes: pilro americano (Calidris melanotos), bilurico patiamarelo pequeno (Tringla flavipes), gaivota chorona americana (Larus atricilla), gaivota de Bonaparte (Larus philadelphia), carrán fusco (Sterna fuscata), galiñola pinta (Porzana porzana), galiñola pequena (Porzana parva), galiñola común (Porzana pusilla), abetouro americano (Botaurus lentiginosus) e escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), entre outras.

Na lagoa e na canle abundan as sollas e entre os mamíferos vense pegadas de coello e ocasionalmente de raposo e lontra nas beiras.

Finalmente dicir que nos acantilados que flanquean a praia recoñécese unha antiga plataforma litoral ou rasa litoral, unha superficie subhorizontal levemente basculada cara o oeste e cunha anchura de 50-150 m. A liña de costa actual está separada da zona de rasa litoral por un pequeno chanzo de menos de 10 m de altura.


Turismo de Laxe © by Abertal