Facebook
Ir á paxina de Turismo

MUSEO DO MAR DE LAXE

INTRODUCIÓN

O Museo do Mar de Laxe foi concibido e financiado dentro do extinto Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte. O seu obxectivo principal era, nun principio, dobre: por unha banda, conservar e restaurar un inmoble en estado ruinoso dentro do casco histórico de Laxe e, por outro, dotar á vila dun centro histórico - cultural relacionado co mar que contribuíse a potenciar o sector turístico. Non estaba contemplada inicialmente ningunha outra función para o Museo.

O Museo do Mar de Laxe está situado no inmoble que albergou a antiga casa cuartel da Garda Civil da localidade, que foi rehabilitada para albergar o museo. Forma parte do casco histórico da Vila de Laxe, e está situada á beira da “Casa do Arco”, e na que aínda son visibles elementos dunha casa tradicional, como a Lareira, o lavadoiro de pedra, e a letriña, entre outros elementos.

Non se sabe con certeza cal foi a data exacta na que se levantou o actual inmoble pero debe remontarse a inicios ou mediados do século XIX posto que, ata os anos 70 do século XX, o inmoble albergou de forma continuada desde o século XIX o Cuartel da Garda Civil de Laxe.

Segundo datos recolleitos da sé electrónica do catastro, o inmoble ten unha superficie construída de 424 m2, repartida en catro plantas [planta baixa, planta 1ª e planta 2ª, e a planta baixo cuberta].


UN POUCO DE HISTORIA

No ano 2005, ano de inicio das obras de rehabilitación do inmoble, este atopábase en moi mal estado de conservación: só quedaban en pé as fachadas. O tellado caeuse provocando que a choiva se introducise durante anos no interior do inmoble.

Ademais, o pillaxe e o vandalismo destruíron elementos desta casa tradicional, pois consta a desaparición dun bebedeiro de pedra utilizado orixinalmente para os cabalos da Garda Civil. O edificio está declarado como inmoble de elevado interese arquitectónico tradicional conforme ás figuras de protección urbanística establecidas na normativa autonómica galega e que se recollen no vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O día de xoves santo de 2011 abríronse ao público, por primeira vez, as instalacións do Museo do Mar de Laxe. O inmoble quedaba restaurado e tiña unha nova función pública: albergar o Museo do Mar de Laxe. O inmoble pasaba a ser de novo público e ao servizo de tódolos cidadáns.


O ACCESO AO MUSEO

O acceso ao Museo do Mar de Laxe pola rúa Pracer debe facerse a pé desde a Praza de Ramón Juega por un pequeno calello á beira da Casa do Arco.

O acceso pola rúa Sol dispón de pouco espazo para estacionamentos, aínda que se pode acceder en coche, pero non con outros medios de transportes colectivos como o autobús. As rúas do casco histórico son moi estreitas e complexas para a condución.

O acceso resulta máis fácil estacionando o vehículo á beira da Praza de Ramón Juega e facer un pequeno percorrido a pé duns 30 metros aproximados.


AS FUNCIÓNS QUE DEBE DESENVOLVER O MUSEO

O museo atópase, actualmente, nun estado óptimo de conservación, e agora é o momento oportuno para desenvolver todas aquelas accións que o impulsen e convertan nun verdadeiro referente museístico do Xeo - destino “Costa da Morte” así como para que se desenvolva de forma adecuada as funcións que son propias e inherentes dun museo:

  1. A función de salvagarda e difusión dos bens que configuran o Patrimonio Integral do Concello de Laxe, tendo en conta ademais que un museo en pleno funcionamento sempre axuda ou facilita o desenvolvemento económico e turístico sostible do territorio en que se sitúa.
  2. A función de desenvolvemento socioeconómico e de cambio social no municipio de Laxe e a súa área de influencia.
  3. A función didáctica. O Museo como lugar de aprendizaxe.
  4. A función de investigación, divulgación e interpretación do Patrimonio Integral do Concello de Laxe.
Laxe e a Costa da Morte dispoñen dun patrimonio integral extenso que aínda está por descubrir, divulgar e catalogar, podendo afirmar que o Museo do Mar de Laxe é un recurso turístico e cultural necesario con grandes posibilidades de ser potenciado e impulsado no futuro.

A través das exposicións actuais do museo, o visitante pode achegarse á historia, ao xenio e á singularidade das xentes de Laxe mediante a súa evolución como pobo mariñeiro ao longo dos séculos.

  • AS DOAZÓNS OU CESIÓNS DE BENS DE INTERESE CULTURAL DE RELEVANCIA PARA A POBOACIÓN DE LAXE:
Neste eido de actuación, as posibilidades do Museo son moi amplas. A maioría son doazóns privadas de carácter gratuíto entregadas polos herdeiros da persoa falecida e sen cuxa doazón o seu final sería “o contedor do lixo”.

Moitos veciños ofrecéronse a doar bens culturais simbólicos relacionados coa pesca ou coa vida deste municipio noutros tempos. As doazóns ou cesións aos museos destes bens culturais son o mellor regalo que un cidadán podería facer para contribuír a enriquecer o patrimonio e a identidade cultural do conxunto da sociedade.

As persoas maiores son máis conscientes de que os seus descendentes ven estes obxectos como “trastos” e que unha vez falecidos arroxáranos ao lixo sen contemplacións. De aí a necesidade de doar ou ceder bens culturais aos que non prestamos atención para seguir mantendo o patrimonio integral do conxunto da sociedade.

  • A FUNCIÓN INVESTIGADORA:
Probablemente esteamos ante a función museística máis complexa de levar acabo. A elección das áreas de investigación sería tamén un tema moi complexo de definir, aínda que habería que establecer prioridades e poderíanse definir de acordo coas institucións científicas interesadas en desenvolver estas investigacións.

Aínda así, as áreas preferentes de investigación sobre o patrimonio integral do Concello de Laxe actualmente deberían estar ligadas á historia do concello, da que existen numerosas lagoas que deberían despexarse cunha investigación documental rigorosa e completa nos diferentes arquivos históricos nacionais e internacionais.

Ademais, outra das áreas preferentes de investigación podería ser a catalogación dos xacementos arqueolóxicos subacuáticos, relacionada coa anterior. A escavación do Castro de Castrelo, a recuperación do Muíño de Vento, a posta en valor dos restos da mina de Caolín... poderían ser máis exemplos nesta área de actuación. Un pobo que descoñece e avergóñase do seu pasado non ten futuro.

De todos os xeitos, cando falamos de arqueoloxía hai que ter en conta que conforme á lexislación sobre a materia, a competencia exclusiva recae na administración autonómica, que é a responsable de autorizar calquera prospección ou escavación. Así mesmo, as pezas extraídas poderían trasladarse a calquera museo da Xunta de Galicia, especialmente os restos arqueolóxicos subacuáticos que son trasladados ao Museo do Mar de Galicia en Vigo.


A IMPORTANCIA DO MUSEO DO MAR DE LAXE

A creación e posta en funcionamento do Museo do Mar de Laxe é unha firme defensa do papel tan necesario e importante que desempeñan actualmente os museos ou centros de interpretación de pequenas localidades na salvagarda, difusión e investigación do patrimonio cultural do noso país, e máis concretamente en manter viva a identidade cultural dos pobos, para que as xeracións futuras sexan coñecedoras da forma de vida dos seus devanceiros.

Desenvolven cada día un labor máis importante na salvagarda do patrimonio integral galego e consecuentemente tamén contribúen á salvagarda do patrimonio integral de toda España.



Turismo de Laxe © by Abertal