Facebook
Ir á paxina de Turismo

Festa de Interese Turístico

A DECLARACIÓN OFICIAL

No Diario Oficial de Galicia (DOGA) do día 20 de xaneiro de 2015, publicouse o Decreto 4/2015, polo que se regula a Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.  

En base a esta regulación poden ser declaradas Festas de Interese Turístico aquelas manifestacións ou acontecementos de carácter festivo, que celebrados no ámbito territorial da comunidade autónoma, supoñan unha valoración da cultura e das tradicións populares, e teñan unha especial importancia como atractivo turístico.  

As declaracións efectúanse en función do cumprimento, entre outros, dos seguintes requisitos: antigüidade, singularidade, arraigamento, accións promocionais, valor cultural e continuidade no tempo, requisitos que serán valorados ademais, en función doutros aspectos como a facilidade de acceso, a estética, revivir costumes e tradicións populares, o coidado do entorno, a calidade dos actos, a creatividade e innovación, a dotación de infraestruturas e equipamentos, a afluencia de visitantes e a coordinación das entidades públicas e privadas.


O CARTEL DO NAUFRAXIO 2017

O NAUFRAXIO DE LAXE

A especial singularidade da celebración do Simulacro do NAUFRAXIO DE LAXE, foi oficialmente recoñecida ao ser declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, por resolución da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia do 17 de xullo de 2013, seguindo o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de xullo de 2013.   

O Naufraxio é unha homenaxe que as xentes do mar de Laxe lle fan á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, pola súa protección e axuda durante todo o ano.   A celebración realízase anualmente dende que foi instaurada no ano 1962 por Avelino Lema Santos, mariñeiro de Laxe supervivente a tres naufraxios.   

CADA 17 DE AGOSTO, ás 12.00 horas celébrase a misa solemne na Igrexa Parroquial de Santa María da Atalaia e ao rematar sae a Virxe en procesión cara o peirao. Unha vez alí  comeza a popular representación do Naufraxio: varios mariñeiros saen nunha chalana dende a parte norte do porto, escenificando a viaxe que realizan cando veñen de pescar. A metade de percorrido a embarcación vai a pique e, despois de botar unhas bengalas, os náufragos comezan a nadar cara o peirao, onde os agarda a Virxe do Carme. Xa en terra os mariñeiros avanzan de xeonllos cara a Virxe e bican os seus pes como mostra de agradecemento. 

Neste tempo, os catro últimos náufragos danse conta de que un dos seus compañeiros está morto e nadan na súa busca. Entre os catro levan o corpo inerte a terra e preséntano aos pes da Virxe do Carme que obrará o milagre de resucitalo. A continuación todos xuntos, e en memoria dos mariñeiros naufragados, cantan a “Salve Mariñeira” e agradecen así a constante protección.   

Seguidamente os barcos, engalanados con flores e bandeiras, saen en procesión pola ría, detrás do barco que cada ano teña a honra de portar a imaxe da Virxe. No transcurso desta procesión marítima, tíranse flores á auga para rememorar aos mariñeiros mortos no mar.   

Unha vez de volta a porto, os mariñeiros que participaron no naufraxio portan descalzos e a ombros a imaxe da Virxe do Carme de regreso á Igrexa Parroquial, de onde non sairá ata o vindeiro 17 de agosto.


DESCARGAS ASOCIADAS

No DOGA do día 20 de xaneiro de 2015, publicouse o Decreto 4/2015, polo que se regula a declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.   

A declaración do Naufraxio de Laxe como Festa de Galicia de Interese Turístico saíu publicada no DOGA núm. 142, do venres 26 de xullo de 2013.  

Na provincia da Coruña hai 30 festas oficialmente recoñecidas como Festas de Galicia de Interese Turístico


Turismo de Laxe © by Abertal