Facebook
Ir á paxina de Turismo

Paisaxe Protexida

A DECLARACIÓN OFICIAL

Unha paisaxe protexida é aquela parte do territorio que as administracións competentes, a través do planeamento aplicable, e de acordo co Convenio Europeo da Paisaxe, consideran merecentes dunha protección especial polos seus valores naturais, estéticos e culturais.

A xestión dunha paisaxe protexida ten como obxectivos principais a conservación dos valores singulares que as caracterizan, así como a preservación da interacción harmoniosa entre a natureza e a cultura desa zona.

Dende a aparición desta figura de protección son dúas as paisaxes galegas que, ademais dos valores citados, presentan unha relación harmoniosa entre o ser humano e o medio natural que xustifica a súa declaración oficial: Os Penedos de Pasarela e Traba nos Concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, e o Val do río Navea nos concellos ourensáns de San Xoán de Río e a Pobra de Trives.


OS PENEDOS DE PASARELA E TRABA

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicou no DOGA nº7, do 12 de xaneiro de 2009, o Decreto polo que se recoñece que o macizo dos Penedos de Pasarela e Traba reúne os valores necesarios para ser conservado íntegro no seu conxunto, e en consecuencia a posta en marcha da figura de protección.    

O macizo está constituído por un conxunto de elevacións graníticas situadas entre os concellos de Vimianzo –ó sur cunha superficie aproximada de 109 hectáreas- e de Laxe –ó norte cunha superficie aproximada ás 103 hectáreas-.  

A combinación de formas rochosas que presentan os Penedos de Pasarela e Traba conforma unha paisaxe singular que destaca pola súa beleza. A dorsal que se alonga desde a Cachucha ata a Torre de Moa, pasando pola Pena Forcada, forma un impresionante pano de fondo visible tanto desde a localidade de Pasarela como, dun xeito especial, desde a área de Traba.  

Os penedos estannos a indicar, por unha banda, a súa relación con longos procesos de tipo tectónico durante os cales as rochas foron fracturadas, erguidas ou afundidas; por outra, o papel que na súa xénese tiveron os climas do pasado, as condicións climáticas máis quentes e húmidas que facilitaron a formación de profundas camadas de alteración.  

Pero o interese de certos fitos xeográficos como a Torre da Moa, Pena Forcada, Pedra Cachucha, O Berrón, ou a Aguia, superan o concepto científico e acadan o ámbito cultural a nivel literario.

E, por suposto, os penedos permiten relacionar as formas con obras escultóricas humanas, así coma coñecer as lendas e tradicións da zona.


Turismo de Laxe © by Abertal