Introdución e Xustificación

Un Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades (PIOM) é un instrumento de traballo, no que se establecen actuacións dirixidas a mellorar as situacións de desigualdade das mulleres en todos os ámbitos da vida social, encamiñadas a lograr unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

Non só as mulleres son beneficiarias deste Plan, pois os beneficios que
poden derivarse da súa aplicación revertirán, con seguridade, no conxunto
da sociedade.

Un Plan Municipal de Igualdade ten unha incidencia moi directa para as e os habitantes do Concello por ser este o marco por excelencia da convivencia de homes e mulleres, e a administración local a instancia máis cercana ás necesidades, intereses e inquedanzas da cidadanía.

Para elaborar o deseño deste Plan Municipal tivéronse en conta os seguintes marcos referenciais:

• No Ámbito Internacional
, os acordos adoptados na IV Conferencia
Mundial sobre as Mulleres, celebrada en Beijing (China), en setembro de 1995, e reflectidos na Plataforma para a Acción. A esta conferencia mundial, convocada pola ONU, asistiron 189 países, desempeñando España o papel de portavoz da Unión Europea.

Os gobernos participantes comprometéronse a cumprir os acordos recollidos no documento final, un programa encamiñado a eliminar os obstáculos que dificultan a participación activa das mulleres en todas as esferas da vida pública e privada.

• No Ámbito da Unión Europea, o marco de referencia para este Plan
Municipal é o IV Programa de Acción Comunitario para a Igualdade de
Oportunidades entre Homes e Mulleres, 1996-2000, aprobado polo Consello de Traballo e Asuntos Sociais en data de 22 de decembro de 1995.

O programa inscríbese nas perspectivas e conclusións da IV Conferencia
Mundial sobre as Mulleres de Pekín e coas prioridades establecidas no Libro Branco sobre Política Social Europea e no Libro Branco sobre Crecemento, Competitividade e Emprego.

Este programa impulsa un novo xeito de actuación, o “mainstreaming”, que consiste en que as políticas de igualdade de oportunidades se desenvolvan dunha forma transversal.

O programa "pretende promover a integración da dimensión da igualdade
de oportunidades na elaboración, aplicación e seguimento das políticas,
medidas e accións realizadas a nivel comunitario, e nos estados membros (Principio de Mainstreaming)".

Segundo o Consello de Europa, estes serían os requisitos necesarios e
as condicións que facilitarían o desenvolvemento adecuado da transversalidade de xénero:
- Vontade e compromiso político para eliminar os desequilibrios existentes
entre homes e mulleres e erradicar as súas causas. Por iso, requírense
recursos humanos e financeiros suficientes para a consecución de obxectivos.
- Coñecementos interdisciplinarios sobre as desigualdades entre mulleres
e homes e as relacións de xénero como base para o debate público e as decisións políticas. De aí, a necesidade de formar o persoal responsable de integrar a perspectiva de xénero nas políticas ordinarias.
- Reforzo dos aspectos que constitúen as políticas específicas de igualdade:
medidas lexislativas, accións específicas de igualdade dirixidas a
mulleres ou a homes...

• No Ámbito Estatal, o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (2003-2006) foi aprobado o 7 de marzo do 2003 polo
Consello de Ministros, e presentado ese mesmo día, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller (8 de marzo).

Nel establécense as liñas de actuación do Instituto da Muller para os seguintes catro anos, co fin de introducir a igualdade de xénero en todas as políticas de intervención, así como de impulsar o avance das mulleres naqueles ámbitos da vida social nos que a súa presencia é, aínda, insuficiente.

“Mainstreaming”, vida económica, toma de decisións, calidade de vida,
fomento da igualdade na vida civil, valores e actitudes igualitarias, conciliación da vida familiar e laboral, máis a cooperación, constitúen as oito áreas que vertebran o IV Plan. En cada unha delas inclúense actuacións concretas a levar a cabo, que apostan pola igualdade entre mulleres e homes, baixo o nomeado concepto de “mainstreaming”.
Outro principio fundamental que inspira este Plan é o de cooperación,
referido á colaboración entre os diferentes axentes que poden estar implicados na súa posta en marcha: Administracións públicas, axentes sociais, ONGs e, incluso, a sociedade en xeral.

• No Ámbito Autonómico, o IV Plan para a Igualdade de Oportunidades
entre Mulleres e Homes da Comunidade Autónoma de Galicia, 2002-2005, tamén recolle o Principio do “Mainstreaming”. Está estruturado en catro áreas de traballo e integrado por un total de seis áreas que se consideraron de prioritaria intervención. Son as seguintes:
- Área 1: Cooperación, participación sociopolítica e empoderamento.
- Área 2: Educación en igualdade.
- Área 3: Información, sensibilización e medios de comunicación.
- Área 4: Formación, emprego e conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
- Área 5: Saúde integral e promoción da inclusión social.
- Área 6: Cultura, ocio e deporte.

Por outra banda, a nivel lexislativo, a Xunta de Galicia vén de aprobar
este ano a Lei para a Igualdade de Mulleres e Homes (7/2004 do 16 de
Xullo). Esta lei, en dous títulos, establece diversas medidas de defensa
da igualdade entre mulleres e homes.

No primeiro, regúlase a actuación administrativa da Comunidade Autónoma
de Galicia en materia de igualdade, buscando, ao mesmo tempo, dar cobertura legal a actuacións en vigor e ampliar as posibilidades de actuación, con respecto a aspectos nos que se estime necesario actuar; aínda que, en aplicación da transversalidade, non é un elenco exhaustivo, polo que resulta factible que no futuro se incida noutros aspectos distintos, se así se considerase necesario.

No segundo, regúlanse os aspectos da tutela antidiscriminatoria no emprego público galego coa intención da asunción exemplar, pola Xunta de
Galicia, do seu compromiso co principio de igualdade de oportunidades
entre mulleres e homes, en relación coa totalidade do persoal ao seu
servizo. Para isto, resulta necesario un instrumento lexislativo que garanta,
precisamente, a uniforme aplicación das melloras concedidas ás distintas clases de persoal.

Todos estes documentos determinan as liñas a seguir no desenvolvemento de Plans de Igualdade, adaptándose ás características específicas dos ámbitos locais.

• No Ámbito Municipal, o Concello de Laxe, asumindo o compromiso
de traballar pola igualdade de oportunidades, proxecta no mes de setembro do 2004 o deseño do I Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello. Para a elaboración deste primeiro Plan, contouse coa participación e implicación das distintas áreas municipais e recolléronse propostas presentadas polo tecido social.
Este Plan Municipal, en función das necesidades detectadas, incide con
máis intensidade en dous dos seus obxectivos máis ambiciosos: o fomento
do asociacionismo de mulleres no Concello de Laxe, e garantir a
integridade e seguridade física, emocional, psicolóxica e sexual das mulleres.


Portal cidadán de Laxe © by Abertal