25/11/2022 Aprobada a incoación do proceso de recuperación da parcela municipal sita no Campo do Escaravello


A corporación municipal de Laxe celebrou este xoves un pleno ordinario no que se aprobou, polo voto favorable de todas as persoas asistentes, o expediente de recuperación posesoria e de requirimento de retirada de peche do terreo municipal sito en Montillóns, máis coñecido como o Campo do Escaravello.

Durante a sesión, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello a partir das 21:00 horas, acordouse incoar o proceso de recuperación de parte do terreo municipal no que persoas particulares colocaran un valado no mes de xullo dificultando o uso actual da parcela, que funciona como aparcamento público de vehículos.

O último informe técnico conclúe que existe documentación na que queda patente a utilización notoria, pública e continuada da finca en cuestión por parte do Concello como zona de estacionamento. Ademais, o terreo que se quere recuperar desde a corporación está perfectamente definido e identificado en canto á súa realidade física nos informes técnicos municipais e títulos existentes no Rexistro da Propiedade e no inventario municipal.

Con carácter inmediato, o Concello de Laxe notificará este acordo ás persoas implicadas establecendo un prazo máximo de 72 horas para derrubar o peche, así como un prazo máximo de 10 días para presentar alegacións.

Na sesión tamén se aprobou a rectificación dos números incluídos no distrito 02, sección 001, Mesa A) Serantes con motivo da corrección da numeración de números de Policía da Avenida Isidro Parga Pondal de Laxe e que comprenderá do 39 e do 68 en adiante, ambos inclusive.

Tamén se deu luz verde aos borradores das actas das sesións anteriores correspondentes aos plenos do 29 de setembro e do 25 de outubro.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal