06/03/2023 O Museo do Mar de Laxe xa forma parte da Rede Ibérica de Espazos Xeomineiros


O Museo do Mar de Laxe acaba de ser incluído na Rede Ibérica de Espazos Xeomineiros, unha plataforma de museos que naceu no ano 2017 co fin de establecer unha coordinación entre diferentes lugares de interese xeolóxico e mineiro en función do seu patrimonio.

 
Esta proposta de contar co Museo do Mar de Laxe dentro da súa rede foi acollida e apoiada polas Xunta de Goberno da Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro (SEDPGYM), da Sociedade Xeográfica Española (SGE) e da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT).

Tras a creación desta rede fóronse adherindo diferentes lugares e entidades de Andorra, España e Portugal, integrándose diversos parques e museos tanto xeolóxicos como mineiros (incluíndo os específicos de mineraloxía e paleontoloxía), así como entidades dedicadas á difusión da xeoloxía e coleccións museísticas que conteñan información respecto ao pasado mineiro e xeolóxicos das súas zonas. No caso do Museo do Mar de Laxe, a figura de Isidro Parga Pondal, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe e a mina de Kaolines de Lage SL son determinantes para a nosa inclusión dentro desta plataforma.

Desde o Concello seguimos traballando a prol da recuperación do Legado de Isidro Parga Pondal (documentación ou pezas relacionadas con este ilustre persoeiro) e a súa actividade investigadora, docente e como xerente de Kaolines de Lage.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal