24/03/2023 O Concello convoca a 3ª edición do certame creativo de ovos de Pascua por Semana Santa


O departamento de Cultura do Concello de Laxe convoca o III certame creativo de ovos de Pascua por Semana Santa co obxectivo de promover a realización de actividades interxeracionais nas familias.

A iniciativa vai dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Cada participante deberá presentar unha única proposta dun ovo de Pascua a partir dun real pertencente a algún animal. Haberá tres categorías: infantil (de 3 a 5 anos), primaria 1 (dos 6 aos 9 anos) e primaria 2 (de 10 a 12 anos).

O prazo de entrega de traballos irá das 8:00 horas 28 de marzo ás 23.59 do día 10 de abril. Acompañando aos ovos cada nai, pai ou titor/a do neno ou nena participante terá que entregar unha fotografía do mesmo no Rexistro Xeral ou na sede electrónica do Concello.

O prazo de votacións abranguerá do 11 ao 14 de abril establecéndose dúas vías: Facebook e WhatsApp. Na primeira rede social será necesario reaccionar cun ‘gústame’ ou ‘encántame’ na imaxe que se considere debe ser a gañadora, mentres que no servizo de NovasLaxe haberá que especificar nunha mensaxe o seguinte texto: “VOTO O OVO CREATIVO DE ____ (nome e apelidos do neno/a).

A entrega de agasallos terá lugar a partir do 15 de abril e consistirá nun diploma e un gran ovo de Pascua de chocolate. Premiarase ao ovo máis votado dentro de cada categoría.

A concelleira de Cultura, Raquel Lema, confía en que “os nenos e nenas de Laxe participen nunha iniciativa especial, divertida e onde a creatividade será a protagonista”.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal