Esta semana o alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, e o presidente do Colexio de Xeólogos e vicepresidente de Ponteceso Cultura Permanente, Manuel Regueiro y González-Barros, mantiveron un encontro na vila laxense no que, entre outros temas, abordaron a posible creación dun Plan Cultural Costa da Morte, un proxecto que complementaría ás actividades realizadas polas Administracións locais e organizacións culturais da comarca durante todo o ano.
Analizando a situación da territorio, que cada ano recibe máis visitantes (segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística no mes de xullo achegáronse á zona 28.631 persoas fronte ás 24.499 do pasado ano no mesmo período), ambos responsables coincidiron na necesidade de atraer o turismo cultural durante os meses de outono e inverno.
Un propósito que podería ser unha realidade se todos os Concellos e organizacións culturais activas na rexión colaboran de xeito conxunto para crear o Plan Cultural Costa da Morte, unha iniciativa que serviría de complemento á programación posta en marcha nas diferentes localidades co obxectivo principal de aproveitar as instalacións e infraestruturas de cada concello como as salas de exposicións, salóns de actos ou museos.
Manuel Regueiro destacou que “o potencial paisaxístico e cultural da Costa da Morte é impresionante, sobre todo coa maxia do 'Camiño dos Faros, polo que é moi importante seguir ofrecendo servizos durante todo o ano para visibilizar máis a zona a través da coordinación e cooperación conxunta dos Concellos”. Ademais, recalcou o compromiso do Colexio de Xeólogos con todas as Administracións para impulsar e compartir “o proceso de creación de ideas de xeito gratuíto” e tendendo a man para reunir a todos os alcaldes e alcaldesas da comarca de cara a unha primeira toma de contacto e á actualización dun inventario de servizos.
Pola súa banda, o alcalde de Laxe mostrouse moi satisfeito coa proposta e sinalou a completa “disposición do Concello para poder sacar adiante un programa que só traería beneficios, tanto a nivel veciñal como turístico, xa que temos moitos tesouros que mostrar e, moitas veces, o principal problema é a resolución da loxística”.
<< | < | Marzo de 2025 | > | >> | ||
---|---|---|---|---|---|---|
L | Ma | Mé | X | V | S | D |
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 | 31 |