01/10/2026 Subvención para a recuperación e mellora da área recreativa O Paio

O Concello de Laxe ten concedida unha subvención por importe de 14.995,59 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático para a execución de actuacións na Rede Natura 2000, ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000, nos Parques Naturais e nas Reservas da Biosfera de Galicia (DOG núm. 28, do 11 de febreiro de 2026).

O Concello levou a cabo unha actuación de recuperación e mellora da área recreativa O Paio, co obxecto de renovar este espazo e garantir que poida ser utilizado nas mellores condicións pola veciñanza e polas persoas visitantes.

A zona rexistra unha elevada afluencia durante os meses de verán. O uso continuado, as inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo provocaron o deterioro dos elementos que conforman a área recreativa, polo que foi necesario acometer traballos de mantemento, reparación e substitución.

As actuacións incluiron o vernizado da pérgola e da edificación destinada aos aseos, co fin de protexer estes elementos e recuperar o seu estado orixinal. Tamén se substituíron as mesas e papeleiras que se atopaban en mal estado, así como a rampla de acceso ao aseo para persoas con discapacidade, mellorando deste xeito as condicións de accesibilidade do espazo.

Ademais, procedeuse á renovación do cartel informativo da área recreativa, que permitirá ofrecer ás persoas usuarias información axeitada sobre o lugar.

Con esta intervención o concello pretende poñer en valor a área recreativa O Paio, mellorar a súa imaxe e funcionalidade e garantir o seu desfrute de maneira segura, cómoda e adecuada por parte das persoas usuarias.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal