17/08/2023 Laxe conmemora a 61ª edición do Simulacro do Naufraxio cun éxito de participación


Laxe celebrou hoxe a 61ª edición do Simulacro do Naufraxio, un evento único na Costa da Morte que logrou reunir a centos de persoas no peirao da vila. A recreación está declarada de Interese Turístico de Galicia.

A xornada arrincou ás 11:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Cee e o Grupo de Gaitas Maruxía.Unha hora máis tarde, tivo lugar a tradicional misa solemne na honra á Virxe do Carme na igrexa parroquial de Santa María da Atalaia. Durante a mesma, o tenor Andrés Meléndrez e o pianista Rupert Twine interpretaron a ‘Salve Mariñeira’ en homenaxe a todos os mariñeiros falecidos no mar.

Ao remate da misa celebrouse a procesión da Virxe por terra acompañada pola Banda de Música de Cee. Deseguido, desenvolveuse a Danza de Arcos na zona portuaria co grupo de gaitas Maruxía.A representación do Naufraxio no peirao realizouse arredor das 13:00 horas e, posteriormente, levouse a cabo a procesión marítima con traca de bombas.

Finalmente, a Virxe do Carme regresou á igrexa parroquial portada polos mariñeiros descalzos que participaron na simulación, coa que se pon fin ás festas patronais de Laxe.

O 'Naufraxio' contou coa colaboración económica da Xunta de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia e Abanca.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal