07/11/2023 Laxe acolle este venres unha charla sobre o ‘Comercio electrónico seguro’

A Asociación Provincial Amas de Casa, que conta cunha delegación no Concello de Laxe, organiza este venres, 10 de novembro, unha charla sobre o Comercio Electrónico Seguro no Salón de Actos Culturais municipal.

O obxectivo desta actividade é sensibilizar, formar e divulgar sobre as compras seguras a través de Internet. Deste xeito, ao longo da sesión, que dará comezo ás 17:00 horas e terá unha duración aproximada de unha hora e media, abordaranse distintos conceptos como a seguridade, a contratación e a defensa das persoas consumidoras e usuarias.

Así pois, a iniciativa ten por obxectivo darlle á cidadanía as ferramentas necesarias para facer as súas compras online de maneira segura e sen asumir riscos innecesarios.

O faladoiro, que será de entrada libre tanto para as persoas socias como para as non socias, correrá a cargo de Belén Rodríguez Palleiro, avogada e técnica de consumo. 

Portal cidadán de Laxe © by Abertal