21/09/2022 O Concello presenta as escolas deportivas para o ano 2022-2023

O Concello de Laxe anunciou esta semana a programación das escolas deportivas para o curso 2022-2023. As preinscricións, que arrincaron este martes, poderán formalizarse ata o vindeiro mércores, día 28, no departamento de Deportes en horario de 10:00 a 14:00 horas. Terán preferencia as persoas empadroadas.

Entre as actividades programadas nas escolas deportivas, que se iniciarán o luns 3 de outubro, atópanse as de ritmo e movemento, predeporte, fútbol sala biberóns/prebenxamíns, patinaxe, hóckey a patíns, baloncesto e taekwondo.

Fóra das escolas tamén se desenvolverán sesións de pilates, adestramento HIIT, ximnasia terapéutica ou zumba.

Todas as actividades programadas polo Concello teñen un límite de prazas e aquelas que non superen as cinco persoas inscritas serán suprimidas ou substituídas por outras modalidades.

Ximnasio municipal
Por outra banda, o Concello tamén organizou novos horarios para o ximnasio municipal. Destinado a persoas nadas antes do 2008 inclusive, estas poderán realizar diversas actividades de luns a xoves, de 10:00 a 12:30 horas e de 15:30 a 20:30 horas, e os venres de 15:30 a 20:30 horas.

Esta programación deportiva rematará o 31 de maio de 2023. En función da evolución da pandemia por Covid-19 as escolas deportivas poderán sufrir paróns temporais ou modificacións no aforo.




Portal cidadán de Laxe © by Abertal