O paseo marítimo de Laxe acollerá durante os vindeiros meses unha mostra itinerante de 7 murais de azulexo elaborados por escolares de distintos concellos da comarca. As pezas forman parte do museo itinerante promovido pola empresa Suministros Lar, de Cee, promotora do Concurso de Murais desde o ano 2006.
Trátase dunha serie de obras creadas con azulexos que recrean escenas sobre distintos deportes acuáticos e que poden verse ao longo do paseo marítimo laxense, adornando a contorna.
Posteriormente, estas obras serán substituídas por outras doutra edición do certame baseada nun dos temas máis importantes e con máis arraigo na Costa da Morte: os naufraxios. É unha maneira particular e única de levar a cultura e a arte da zona por distintos puntos de Galicia.
“Cos temas que lles propoñemos aos escolares buscamos levar a Costa da Morte aló a onde van os nosos murais. Sempre buscamos cousas que representen a nosa terra e que definan a súa riqueza e tradición”, asegura Tatiana Rodríguez, directora do proxecto.
Deste xeito, as diferentes edicións do certame trataron sempre de temas vencellados á cultura galega, como os xogos populares (2010-2011), os fondos mariños (2011-2012), os mariscos (2013-2014) ou os faros (2017-2018).
Nace como un proxecto 360 integrado na Educación Secundaria e que busca coñecer as diferentes perspectivas destes conceptos por parte da mocidade. Trátase dunha iniciativa inclusiva e integradora na que, ademais, colaboran asociacións de persoas con diversidade funcional “todos e todas aportan a súa forma de ver as cousas, de ver a nosa terra e a súa riqueza patrimonial e paisaxística”.
Outras colaboracións
Non son os únicos murais que poden verse no municipio, xa que o Concello colaborou con esta entidade e coa asociación Contamínate na creación de distintos murais que adornan espazos da localidade. Están situados na escola de Educación Infantil do paseo marítimo, no cruce das rúas Villa Amparo e Valle Inclán e no merendeiro do café bar Vila de Laxe.
Segundo indica o Goberno local, “coa colocación destes murais facilitamos a visualización destas obras, realizadas por diferentes escolares da zona” á vez que “engadimos un atractivo paisaxístico e cultural á nosa contorna e, neste caso, ao paseo marítimo de Laxe”.
Galería de imaxes