O Concello de Laxe vén de recibir unha axuda de 15.000 euros da Xunta de Galicia para a contratación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento na praia e na piscina municipal.
O alcalde, Francisco Charlín, a concelleira de Deportes, Begoña Gegúndez, e o edil de Obras, Eulogio Constantino, recibiron esta mañá ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que se achegaron a comprobar o traballo realizado polo servizo de socorrismo contratado ao abeiro destas axudas.
O ente autonómico contribúe, deste xeito, a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival. Ademais, tamén regula a formación coa que deben contar estes profesionais.
Esta convocatoria subvenciona os custos salariais no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro para a contratación de persoal dedicado á prestación de servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal ou espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial do municipio.
O rexedor destacou “a importancia destas axudas, que son un impulso considerable para os concellos, xa que que nos permiten contar cun equipo de profesionais moi completo e que garantan a seguridade nas nosas praias”.
Pola súa banda, o conselleiro lembrou que se trata dunha medida moi necesaria “para garantir a seguridade nos municipios costeiros e máis turísticos, para os que tamén existen outras axudas como as subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local”.
<< | < | Xullo de 2025 | > | >> | ||
---|---|---|---|---|---|---|
L | Ma | Mé | X | V | S | D |
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 | 31 |