27/09/2024 Laxe aproba a actualización das tarifas pola prestación do servizo de abastecemento de auga potable

O Concello de Laxe aprobou na sesión ordinaria celebrada onte, 26 de setembro, a modificación da ordenanza non tributaria número 7 das tarifas pola prestación do servizo de abastecemento domiciliario de auga potable, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1999 e foi actualizada por última vez en xaneiro de 2004.  

Ao longo destes 25 anos, os custos relativos a este servizo incrementaron de maneira considerable, creándose un déficit de 164.965,01 euros que teñen que asumir as arcas municipais. Co obxectivo de minimizar o impacto, encargouse á empresa concesionaria un estudo económico e unha adaptación das tarifas para obter o equilibro do financiamento do servizo.  

Mais para minimizar aos usuarios do mesmo o impacto desta subida, o pleno aprobou unhas tarifas inferiores ás propostas pola empresa, sendo o Concello quen asuma con cargo ao orzamento municipal o maior gasto que supoña a prestación do servizo.  

Neste sentido, as tarifas de subministración de auga doméstico, comercial, industrial e de obras queda adaptado ao nivel de vida da actualidade. Con esta actualización reduciuse o déficit ata os 30.257,50 euros que seguirá asumindo o Concello.  

O alcalde, Francisco Charlín, afirmou que “malia que esta subida non fai fronte á totalidade dos gastos deste servizo, básico para a veciñanza, axudará á redución do actual déficit” e asegurou que “o que custa hoxe en día este servizo é moi diferente ao que custaba en 1999, polo que as taxas non poden ser as mesmas. Non podemos ter un déficit de máis de 150.000 euros, porque iso impídenos mellorar outros servizos que tamén son necesarios”.  

O rexedor destacou que “para nós é unha prioridade máxima ofrecer os mellores servizos aos nosos veciños e veciñas, e para iso debemos ter unhas ordenanzas acorde á actualidade. Só deste xeito poderemos seguir mellorando a calidade de vida da cidadanía”.  

Na mesma sesión aprobouse tamén definitivamente a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de sumidoiros.  


Modificación de créditos  

O pleno aprobou tamén unha modificación de crédito por valor de 62.249,44 euros, por créditos extraordinarios (23.137,90 euros) e suplementos de crédito (39.559,24 euros), ao vixente orzamento para o exercicio 2024 que se financia con cargo ao remanente para gastos xerais.  

Adhesión á Asociación Costa da Morte GDR

Durante a sesión deuse luz verde, por unanimidade, á adhesión do Concello de Laxe á Asociación Costa da Morte GDR e ao nomeamento do alcalde e da concelleira delegada de Turismo e Cultura, Raquel Lema, como representantes na Asamblea Xeral da entidade.   Entre outras cuestións, con esta condición o Concello poderá intervir na elección dos órganos de goberno da asociación, participar con voz e voto na Asemblea Xeral e participar nas diferentes actividades da asociación.

Portal cidadán de Laxe © by Abertal